Velaí o tedes custodiando a aldea de Aián: O guerreiro de Tralalaxe.
Nos anos 50 do pasado século o Mingos de Aián fixo casa nova e cumprida. No monte de Tralalaxe, sobre a rocha espida, campaba este altorrelevo. Cortou a rocha e carretouno para servir de apoio á ménsula que soporta o corredor. Desde aquela gañou a verticalidade para montar unha garda permanente na saída da aldea cara a Buxán.
En realidade crese que se trata dun ensaio de lauda sepulcral (a tapa dun sartego) para o cadaleito dun cabaleiro do baixo medievo.
Tamén é unha mostra dos moitos pequenos arcanos que se gardan espallados pola nosa xeografía.