O sotobosque do tramo final do Arnego, na grande fraga das sobreiras, é especialmente rico. Unha das especies que o distingue é o érbedo, tamén coñecido cos nomes de erbedeiro, albedro. En castelán, madroño. En Carmoega e Brántega dicímoslle amoroqueiro e ao froito chamásmolle amorote, amorodo. Este é pequeno, esférico, de cor vermella e superficie granulada. É comestible.
A foto foi feita na parroquia de Val de Sangorza, á beira do Arnego, nun lugar paradisíaco denominado A Frisca. Outro día hei poñer unha foto da Pena da Frisca.
O érbedo ou amoroqueiro é un arbusto de folla perenne, propio de microclimas de influencia mediterránea. O seu porte pode acadar os 4 ou 5 metros.
Neste sotobosque abundan tamén o trobisco (Daphne gnidium), as abrótegas (Asphodelus albus), xaras (Cistus ladaniferus) e outras máis comúns.