8 de xaneiro de 2007

HÓRREA E HÓRREOS EN QUIÁN (CARMOEGA)

Os hórreos son, sen dúbida, un referente da arquitectura popular do concello de Agolada. Non hai unha tipoloxía única e definida, senón varios tipos de hórreos (de madeira, mixtos, sobre piares, sobre cepas, sobre muretes..., con variadísimos remates orixinais e sen eles.) E tamén hórreas coma esta que vos presento na foto. Está en Quián (Carmoega), na casa de García. O hórreo pintado da mesma cor que a hórrea pertence ao mesmo propietario. Coñezo catro hórreas n'Agolada (esta de Quián, unha en Sesto, a da casa de Ouro n'A Baíña e outra na casa de Pardo en Basadre. As hórreas recordan as tipoloxías asturiana e ancaresa. E confirman a relevancia do millo na economía labrega e o poderío das casas que as posuían.
Esta de Quián, de planta cadrada, presenta tres caras con barrotes de madeira para ventilación e a parede suroeste en cachotería de esquistos onde aparece practicada unha pequena bufarda. O tellado a catro augas. A parte baixa da hórrea foi aproveitada para corte de vacas.
A aldea de Quián, que tiña cinco veciños, é hoxe o paradigma do éxodo rural. Non queda ninguén. Aquí encontra Pepiño de Vila o sosego e a paz de Fray Luis de León, na fonte que destila endecasílabos e no sobreiral dos cucos e das cotovías.
Aquí tamén teño eu as raíces da miña avoa Cándida Rodríguez a quen non coñecín pois morrera 16 anos antes de eu nacer. Aquí segue a Capela do San Ramón e un cruceiro votivo sufragado por dúas veciñas.