Ton van Vliet traballaba de fotógrafo para unha revista holandesa e apareceu n'Agolada en 1977 co seu amigo Jeroen. Nós coñecémolos cando iamos bañarnos na tosta de Vilariño. E fixemos amizade. Eles acampaban diante da Central do Arnego. Traían un Opel branco (coche que non había aquí).
Gustáballe fotografar o rural, o etnográfico, a arquitectura popular, a feira... Espero que traia boa parte do seu arquivo. Cóntanse por miles as fotos que fixo aquí. Os anos que transcorreron xa as converteron en memoria gráfica.
Na imaxe vemos as queixeiras no lugar onde antes estivera o mercado dos queixos, caído por mor dun temporal e pola pésima construción que presentaba. O señor Fernando Pardo aparece valorando a calidade dos queixos expostos.