19 de marzo de 2007

FEÍSMO

O termo FEÍSMO quedou acuñado para indicar o pésimo gusto construtivo (¿ou destrutivo?) que afea a arquitectura urbana ou rural tradicionais. Nas aldeas de Galicia leva causado auténticos estragos. A palabra que mellor o resume é: desfeita.
Cada vez hai máis xente sensibilizada con este problema, mais aínda non fomos capaces de atallar a súa progresión autodestrutiva. De todas maneiras é importante ir gañando o terreo da concienciación. Desde a Administración tamén se observa que aumenta o coidado e a preservación de lugares de alto valor arquitectónico, etnográfico ou histórico. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ten unha especial contribución neste asunto no Proxecto Terra.
De todos os xeitos aínda queda moito camiño por andar.
A foto que acompaño con esta entrada mostra un alpendre de ladrillo e uralita que "respectou e integrou" unha figueira no seu muro e tellado. Á beira do hórreo de pedra e a casa que hai ao fondo, tamén de pedra, queda realmente feo. Isto é só un dos centos de expoñentes do mal feito. Está no concello de Agolada. Non cito a aldea por non ferir susceptibilidades.
Analizando as causas do feísmo é difícil extraer conclusións absolutamente certas. Agora, está ben especular. ¿Non temos gusto? ¿É a solución de quen quere ter o servizo e gastar pouco? ¿Seméllanos isto máis moderno, máis actual? ¿É produto e resultado da escaseza de recursos económicos para construír con mellores materiais e mellor gusto? ¿Minusvaloramos as construcións de pedra e asociámolas á época da pobreza e do atraso?...

1 comentario:

  1. pois mira que e feo e iso que hai moito feismo por ai e nin nos fixamos

    ResponderEliminar