8 de maio de 2007

O DOLMEN DOS MUÍÑOS (BIDUEIROS-AGOLADA)

Dicíame un compañeiro de Alcalá de Henares hai anos, que moitos galegos ao falar parece que chorasen, polo acento e a entoación, que ten cadencia descendente. Eu penso niso e digo se a nosa lingua ou a nosa xente nacésemos para chorar, para lamentar. E isto vén a conto porque hoxe temos que chorar pola actuación que se levou a cabo no Dolmen dos Muíños, o máis importante monumento megalítico de Agolada. Outra vez os galegos a nos queixar porque as cousas non van ao noso gusto.
Na foto retratei a Vázquez Pintor e a Xosé Varela nun día que fomos coñecer polo miúdo a zona onde se acha o dolmen. Xosé Varela guiounos polos camiños de antigo e amosounos a Pena da Virxe das Virtudes. Na foto vémolos no interior da cámara funeraria do dolmen. Esta foto hoxe non sería posible. A aparición de pinturas rupestres en cinco dos sete ortostatos da anta levou á Xunta de Galicia a actuar para protexer as pinturas. E a protección consistiu en estudar, fotografar, lavantar planos, enfundar as pedras en lona téxtil, recheo de area e pedra, impermeabilización e logo unha gran morea de terra e herba para sepultalo. Así en principio todo parece lóxico e non cuestionamos o labor dos técnicos que interviron sempre que a medida sexa temporal. Pero se vemos o informe que nos remitiron os arqueólogos encargados das obras e pensamos que o tapado do túmulo vai ser definitivo empezamos a non lle ver sentido. ¿Ocultar para protexer? ¿Esconder o que leva séculos á vista? Ao parecer non hai cartos para unha actuación máis seria e a teor do exame dos técnicos o noso dolmen só acada 0,9 puntos de 4 posibles e iso non lle confire rango arqueolóxico para ser tido en conta. E esa é unha cuestión política e económica. E aí é onde mostramos a nosa disconformidade.
O que non se tivo en conta é o movemento social e cultural que xa hai arredor deste xacemento arqueolóxico e non nos resignamos a que quede enterrado de por vida. Se o valor engadido que lle dan as pinturas o fai merecente dunha especial protección, tamén merece ser exhibido nas mellores condicións posibles para a contemplación e admiración dos interesados. Aquí estamos para facernos oír desde diferentes foros. Hoxe vai neste blog, onte foi no de Ángel Utrera. Máis adiante será noutros medios.
Despois do intenso labor que a Asociación Amigos dos Pendellos leva feito arredor deste monumento isto sentounos coma unha patada institucional. Necesitamos da suma de moitas vontades se queremos volver ver outra vez o Dolmen dos Muíños.

2 comentarios:

  1. Sempre podemos montar un grupo revolucionario e guerrilleiro coa palabra. Conta cos que te lemos a miúdo. Que facemos?

    ResponderEliminar
  2. Adiante, hai que facerse ver e oir

    ResponderEliminar