A foto está sacada desde a marxe esquerda, no monte de Santoandré, nun lugar que chaman a Pena Grande, topónimo que alude claramente á presenza dunha enorme rocha esquistosa. Esta rocha é un mirador excepcional sobre o val de Carmoega e sobre o canón que traza o río para saír do val. Desde aquí a montaña precipítase sobre o río en forte pendente, que nalgún punto acada a verticalidade.
En fronte, do outro lado do río vense os riscos da Vultureira, límite entre as parroquias de Carmoega e Brántega. O microtopónimo procede do latín vulture(m) (voitre) , que explica claramente a presenza destas aves que aniñaban nestes rochedos afastadas da actividade humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario