Falaba aquí hai uns días das agresións que sufriu o Farelo nos últimos anos. Entre elas citaba as canteiras que se dedican á extracción de granito para a construción. Na primeira foto vemos o cumio do Farelo ao fondo coas tres tarabelas-calvario e en primeiro termo a canteira do Farelo Pequeno que esgarabellou o monte e xa abandonou a actividade sen que se lle vexa intención de reposición do medio natural.
Na foto inferior ensínovos a canteira do monte do Malloco aínda en plena actividade. Hai unha terceira canteira de inxentes proporción no monte da Aldea do Monte, que acaba de paralizar a súa actividade despois de destruír patrimonio arqueolóxico e natural. E aínda quedaría un desmonte que se fixo preto de Santomé, do que se extraeu xabre para a construción das pistas do parque eólico, que semella unha enorme canteira.
Son demasiadas agresións para un só monte. ¿Quen vai repoñer logo a cuberta vexetal e tapar os enormes buratos que deixan ao descuberto? ¿Só pensamos en obter rendibilidade económica? Iso supón pan para hoxe e fame para mañá.
Cal é a posición do concello? Terá algo que dicir máxime en vésperas de eleccións.
ResponderEliminarDescoñezo se o concello ten algunha opinión ao respecto. Nunca lles oín palabra. Nin agora que estamos en vísperas das eleccións nin antes.
ResponderEliminarDe todos os xeitos os veciños tamén temos que expresarnos cando esteamos en desacordo. Pero como me dicía a min un veciño de Ventosa: ¿Ti sabes a de cartos que dá ese monte? ¡Aí hai moita xente traballando! E ante o carto moitos de nós achantamos co que nos boten. É penoso e tamén real.
De acordo. Pero as que están xa explotadas ou non son rendibles hainas que tapar.
ResponderEliminar