16 de xuño de 2007

CAPELA DAS VIRTUDES

A capela da Virtudes forma parte indisoluble dos Pendellos de Agolada. Ten unha fermosa historia que vos irei contando por capítulos.
Na tradición oral está moi vivo o feito do traslado desta capela desde un recodo do río de Ferreiroa nos lindes das propiedades de Ferreiroa e Bidueiros. A capela pertencía á familia da dona de D. Ramón Barrio de Losada e foi este quen decidiu o traslado no ano 1791 buscándolle unha mellor ubicación que a primitiva. Orixinariamente estaba asentada a carón dunha fonte nun terreo brañento, impracticable na época das chuvias. O día 12 de xuño de 1791, véspera de San Antonio, celebrábase nela por primeira vez misa en Agolada.
No traslado só se chegaron a levar as dúas columnas octogonais, que delimitan as esquinas da fachada, e a imaxinería: a Virxe das Virtudes e o San Antonio. No carreto da pedra empregouse unha xugada de bois que rebentaron no esforzo de mover o carro en terreo tan lamacento e empinado ata Agolada.
Trátase dunha ermida sinxela e humilde que non se ergue por riba dos Pendellos. É de planta rectangular e nun principio tivo un pequeno campanario metálico sobre a porta de entrada. O campanario foi retirado a principios dos anos 60 para evitar roturas nas tellas por mor de que os nenos lle tiraban pedras para facer soar a campá co resultado de múltiples tellas rompidas.
De planta rectangular, con tres muros cegos e o da fachada con peitoril granítico e enreixado de barrotes. Un adro de herba que a circunda. Antano accedíase a este adro desde o Paseo da Parranda por unha porta de madeira disimulada entre os pendellos expositores da Parranda. Foi o primeiro templo de Agolada e nel houbo culto ata 1963, momento no que se estreou a nova igrexa.
A Capela pertenceu desde as súas orixes á familia Sarandeses de Ferreiroa. Recentemente accederon a vendela para ser restaurada pola Consellería de Cultura. Pasará a ser patrimonio do pobo de Agolada que terá nesta ermida un referente cultural, relixioso e etnográfico.
A foto de abaixo foi realizada en 1929 por D. Vicente Risco, gardada agora na Fundación Vicente Risco de Allariz. Nela amósase a entrada que había ao adro desde o Paseo da Parranda, pasando entre dous pendellos-expositores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario