13 de setembro de 2007

BREVE HISTORIA DUNHA MÁMOA

Había unha vez unha arquiña de pedra agachada no monte desde idade remota. Tapada por uces, xestas e arbustos cabo do Agro de Voda. Cando o día estaba calmo podía oír o escorregar da auga muiñeira do rego de Ferreiroa.
Cinco mil anos despois de que a construísen, un agosto de 2004, fixéronnos saber dela e namorámonos das pedras como adolescentes inxenuos.

Levamos aos amigos e aos arqueólogos para falarlles do noso tesouro agachado baixo a sombra daquel mozo carballo que nacía no cerne da anta. A nosa marabilla saía do letargo para conquistar o mundo da arqueoloxía.

Houbo que locila e protexela e o vello carballo foi a primeira vítima inocente daquel labor cosmético. O toco quedaba alí podrecendo para non danar o posible enxoval atesourado.Espila daquelas guedellas que lle ocultaban o rostro e amosala ao mundo en todo o seu antigo esplendor foi tarefa común de Amigos dos Pendellos e un par de obreiros do concello.
Arqueólogos e catalogación, coma quen inscribe un neno no Rexistro Civil. A criatura chamou a atención pola estatura e polo peso que tivo ao nacer.
As múltiples visitas quixeron coñecela e aprender daquela arquiña que os "mouros" construíron para os seus mortos.
Abaixo o autor da descuberta para os nosos ollos asombrados, Xosé García Miguélez (Pepe de Fernandiño de Bidueiros).

O Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias Vilas, tamén tivo ocasión de coñecela no verán de 2005.

O lume pasou a carón do túmulo espido no verán de 2006 e foi sorte tela limpa para que non sufrise máis danos.
Agora xaz sepultada baixo unha capa protectora de terra para preservar as pinturas que apareceron nos ortostatos, coma as liñas onduladas da pedra da marxe, coa cor da ferruxe.

1 comentario: