8 de novembro de 2010

UN "BALBINO" FELIZ

"Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais pobre. (...)"
Con este proverbial comezo inciaba hai case cincuenta anos Neira Vilas as súas "Memorias dun neno labrego". Da mesma época é a imaxe que obtivera Jesús Faílde Oro en Friufe (Agolada). Desde o primeiro momento lembroume a Balbino, aquel rapaz que fomos capaces de recrear no noso maxín colectivo ao lermos a primeira novela de Neira Vilas, aquel neno que sofre as inquedanzas propias de quen se sabe oprimido por pobre e coartado polo mundo dos adultos. Un cativo que sabe da miseria que os caseiros vivían nas aldeas galegas da postguerra.
A foto parece inspirada naquela ilustración que Isaac Díaz Pardo fixera en 1967 para unha nova edición do libro (No gravado de Díaz Pardo faltarían as ovellas, o chapeu e o sorriso).

O "Balbino" de Friufe é un neno vinte anos posterior ao Balbino neiriano. Quizais sexa fillo de labregos con terras de seu. Galicia mudara abondo para escorrentar a fame e andar calzados. Este é un "Balbino" de faciana feliz, un neno labrego e pegureiro, guieiro de xugadas marelas gobernadas coa batuta da aguillada. A felicidade agrómalle no sorriso e na mirada ocultada, a contentura gárdaa no colo do año noviño e asustado, a fachenda relócelle no cinto co xoguete-revólver de cachas nacaradas. Un neno da aldea con chapeu de palla para albergar baixo a súa copa toda a infancia feliz que Jesús Faílde me contara.

9 comentarios:

  1. Unha foto preciosa precisamente pola ledicia do neno.
    Esta resultando un tesouro o arquivo fotográfico de Jesúa Faílde Oro.

    ResponderEliminar
  2. ¡Qué marabilla de fotografía!.

    O pequeno Balbino traballando co gando, cos pes no esterco, os pantalóns remendados, e cun simple xoguete de plástico.. pero feliz.

    E hoxe, tanta comodidade e os rapaces cheos de frustración.

    Da moito que pensar.

    Saudos.

    ResponderEliminar
  3. Preciosa fotografía!!!

    E non sabes se Failde Oro fixo fotos da Ulloa?

    ResponderEliminar
  4. Me alegro que te haya gustado la fotografía. Siento decirte que por la Ulloa, aunque tengo estado en la fiesta en Antas y en la Feria en Monterroso, no recuerdo haber hecho fotos en esos lugares.

    Un cordial saludo.
    Jesús Faílde.

    ResponderEliminar
  5. Unha mágoa pero igualmente é unha delicia ver esas fotos.

    Meus parabéns e admiración.


    Saúdos dende A Ulloa

    ResponderEliminar
  6. Sen lugar a dúbidas é unha foto moi fermosa é moi representativa do momento, polo sorriso, pola vestimenta xa se pode entrever que este Balbino viviu tempos mellores que cando o Balbino "Neira Vilas", ía a feira do 26 a Lestedo, aínda que lin o seu libro xa non me lembro se fai a descrición, pero a bo seguro que ía mal calzado, mal vestido e case que seguro que con algo de fame, así mo describiron quen o veu naquel tempo, e o veu pasar por diante da miña casa.
    Os Balbinos de hoxe, están todos a estudar, como ten que ser, xa non chaman as vacas; pero fágome unhas preguntas: Que futuro lles espera?
    Teñen tanta ilusión coma os nenos de antes? Son tan felices como antes?. Ogallá lles espere un bo futuro que os ilusione dentro da felicidade relativa que aquí se pode atopar. Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  7. Encántame a foto.
    ¿e de que data dis que é?

    a estampa do neno chamando as vacas é moi representativa do agro galego. [era]
    mira, eso non o añoro, os nenos están ben na escola, e despois facendo os deberes e xogando.
    traballo demais era aquel para os cativos (iso non quere dicir que me guste que se libere de responsabilidades na familia aos nenos de agora)

    ResponderEliminar
  8. A foto é de principios dos anos 60.
    No demais coincido contigo; Zeltia.
    Apertas.
    M. Busto

    ResponderEliminar