29 de outubro de 2010

DÍAS DE FESTA

A festa na aldea tiña un profundo significado. Hoxe aínda conserva algún, pero mudou moito desde o tempo destas imaxes. As catro fotografías de Jesús Faílde Oro recollen momentos de festa en Friufe e Merlín. A primeira mostra a procesión de San Pedro arredor da igrexa vella (a igrexa de Merlín. Nunca comprendín como non restauraron esta igrexa no canto de facer outra de ladrillo e cemento, moito máis anódina. A orixe románica da igrexa vella está plasmada nos canzorriños do beiril do tellado. Ten outro encanto e moito máis valor arquitectónico). Foi unha procesión concorrida se se ten en conta que a parroquia é pequena.
A familia do autor destas imaxes posa diante da casa petrucial o día da festa, acción que se convertería en ritual cada día de San Pedro. Indícame Jesús Faílde Oro que na actualidade só viven arredor da metade dos fotografados. El, á dereita da imaxe, contémplanos hoxe en día desde a Boa Vila na súa atalaia dos 74 anos. O can Pinto nunca quixo faltar á cita co fotógrafo, aínda que nesta ocasión estivese un tanto despistado.

A festa era o día de lucir as mellores galas. Os mozos de Friufe sabíano e practicábano. Nesta ocasión ían "en ascensión e arroubamento"camiño da Ascensión de Sampaio. Este era o punto de reunión antes de partir por camiños e carreiros de monte ata a parroquia veciña. Recoñezo a varios dos retratados pero creo que só podo nomear a "Ferrancheiro" co seu pulcro traxe de raias.
O autor destas imaxes, Jesús Faílde Oro, autorretratado co can Pinto, todo un referente na casa de Faílde de Friufe. Coméntame Jesús que este típico exemplar de can de palleiro morreu de vello e cunha exemplar folla de servizos. A xulgar pola imaxe o can seguía con atención as instrucións rigorosas do amo, mesmo as de posar para a foto.

3 comentarios:

  1. Da mágoa mirar as fotos, parecen sacadas de tempos remotos e non fai máis que uns anos. As festas eran disfrutadas dun xeito que nada ten que ver co de agora. Gústame que as lembres como eran antes. Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Moi representativo da época, mozos ben vestidos prestos a engaiolar as mozas da bisbarra; a verdade isto fai recordar os anos 60 posiblemente época de auténtica eclosión migratoria cara a Europa, do espertar das ilusións porque empezaba a escachar a pedra da longa noite.
    Como podes ver a carricanta do Pico Sacro, as veces muda, aínda non morreu.

    ResponderEliminar
  3. Moita ledicia terte de novo Pico Sacro. Aínda que sigo co misterio de saber algo máis de ti que tan ben coñeces Agolada e a súa feira e festas.
    Apertas de amigo.

    ResponderEliminar