Na vila dos Pendellos estivo Jesús Faílde Oro coa súa cámara para certificar esa revolución que substituíu a montura ecuestre polas ansiadas máquinas de dous CICLOS.
Jesús Galego Torreiro (Suso das bicicletas), á esquerda da foto na que aparece Jesús Faílde Oro sobre a moto propiedade do primeiro, foi un pioneiro nesta vila. Montou o primeiro taller de bicicletas de Agolada. O márketing aquí non se coñecía pero, utilizando a imaxinación, o pincel e un bote de pintura negra estampou en varias paredes laterais a rotulación CICLOS, seguido dunha frecha que indicaba a dirección do seu humilde taller (na imaxe de arriba, medio tapada, pode adiviñarse un deses rótulos nunha pedra dos Pendellos). Vendía bicicletas e maiormente alugábaas a catro pesetas por hora. Co negocio andando (ou pedaleando) chegoulle a hora da motocicleta, a Montesa da foto, e empregouna tamén como taxi de aluguer, para dar un simple paseo ou para realizar unha viaxe máis ou menos longa a Pontevedra, a Lugo...
O taller tamén foi itinerante e funcionou na casa de Juanito, nos baixos do palco da praza(xusto na porta que se ve detrás da moto) e entre os Pendellos.
Pero chegou un día en que Jesús Galego emigrou á Coruña e del só nos quedou a súa historia e as rotulacións en negro que eu de neno non sabía a que se referían.
Pasaran moitos anos e coñecín a un gaiteiro que acompañaba a Mini e a Mero no Auditorio de Lalín. Souben que nacera en Agolada e nada máis. Algúns anos despois, no 2004, si que coñecín a Raúl Galego, o Gaiteiro Nubeiro, era o fillo de Suso das bicicletas. El contoume da súa familia e do seu pai, que leva toda unha vida polas terras de A Coruña e Cambre.
Desde aquí remitímoslles un afectuoso saúdo e rendémoslle memoria agradecida.
Nestoutra imaxe aparece Jesús Faílde Oro, estreando a súa primeira bicicleta. Os prados de Friufe foron escenario de privilexio para saborear a arte do pedal sen os condicionantes do aluguer.
Amador Vázquez (Dorcito do Caldeireiro) e Félix Vidal surcan o asfalto da principal rúa de Agolada. Satisfacción e fachenda e toda a camaradería para percorrer o mundo nunha tarde primaveral. Outros tres invitados quixeron aparecer de esguello na imaxe, quen non? Coche, camión, andamiaxe, beirarrúas, tendido eléctrico trasládannos ao pasado. As bicis cos seus freos de variñas e gardalamas de metal, tamén. Toda unha imaxe equiparable, ao meu ver, ás de Virxilio Viéitez.
Esta última foto de hoxe é un compendio de historia e unha toma magnífica, cunha composición que lembra rapidamente algúns cadros da escola barroca holandesa. A pose esmerada dos tres da bicicleta e os figurantes (o señor que coloca a pancarta subido a unha escaleira, o rapaz que anda a ruar na beirarrúa, as mulleres que desde a media distancia da praza observan a escena...), a grilanda de flores que serve de soporte a unha pancarta de benvida ao Sr. Bispo (ano 1963)... Marabillosa imaxe da vila da miña infancia!
A primeira imaxe pertence ao arquivo do Museo Provincial de Pontevedra. (Foi obtida en 1966).
POST DATA:
Nos días pasados recibín dous correos do amigo e conveciño Antonio Blanco (Tucho) no que me fai aportacións importantes para clarexar algúns datos relacionados con esta entrada. Agradézolles a el e aos seus irmáns estas aclaracións que nos permiten ser plenamente fieis con ese medio século de historia transcorrido:
"Como sabes, son un fiel seguidor do blog AQUAM LATAM, pois a pesar do paso dos anos, sigo sendo un morriñento do noso pobo, e nos tempos difíciles que nos toca vivir, sempre resulta agradable poder trasladarse no tempo á nosa época de cativos, aínda que sexa por un momento.
No día de onte, cando vin as novas fotos publicadas, e tamén os sempre oportunos, sabios e ocorrentes comentarios que fas, chamoume atención que adxudicaras as "pintadas" de CICLOS ao ben querido SUSO DAS BICICLETAS, pois eu lembraba que as mesmas foran feitas por outro veciño, o chamado PEPE DA SERAFINA, é dicir, José Buján, un irmán máis vello de Manuel Buján (Magar).
O mencionado Pepe da Serafina, tamén se dedicou ao "negocio" das bicicletas na casa que aínda hoxe ten a familia nos pendellos, e lembro que tamén había na parede (lousa) do noso forno o reclamo publicitario, que creo aínda perdura.
Os xoves soemos vernos os irmáns, e aproveitei para comentar con eles as fotos e tamén a dúbida. Todos confirmaron a miña idea, e no caso de Julio, que tamén segue o blog, xa reparara na mesma cuestión.
Finalmente, Manolo tamén fixo outra aportación, pero a mesma é para nota, xa que nos dixo que a primeira moto de Suso fora unha de marca LUBE. Botei unha ollada en INTERNET e atopei que un tal Luis Bejarano fundara no ano 1.947 en Lutxana-Barakaldo "LUBE-NSU", que foi xunto a MONTESA, a primeira fábrica de Motos en España. Vendo os modelos que fabricaba, todo parece indicar que a da foto do Blog é LUBE, e segundo meus irmáns fora comprada nova por Suso.
Mira por onde, todas estas cousas serven para a lembranza e tamén para parolar, aínda que sexa por este medio."
Son imaxes espectaculares xunto coas imaxes das mallas de Friufe.Equiparables en calidade,como ben dis, as de Virxilio Viéitez.
ResponderEliminarQue boa sorpresa este arquivo de Jesús Failde.
Gonzalo Trabancas
Que casualidade !. Hoxe fun á exposición de Virxilio Viéitez e sique poderían ser obras delestas fotos.
ResponderEliminarCando se estreaba unha bicicleta, sobre todo por persoas maiores, como nunca andaran nelas, tomaban todas as precaucións era moi típico ensaiar nos prados ou nas eiras cara os palleiros que facían de aírbags; os novicios desta condución poñían cara de astronauta porque era como conducir hoxe o Challenger ou o Discoberi, por iso entendo e case que sei o que está a pensar o sr. Faílde encarado ao abismo, pero seguro que no fondo había unha silveira ou montón de herba.
ResponderEliminarEn relación a foto na que está un mozo na primeira moto, era normal, naquel intre moto só a tiñan os médicos…
Desde o Pico Sacro.
Deches cunha boa mina de imaxes amigo Manolo. Ese arquivo de Julio Faílde Oro é toda unha descuberta que saca moito lustre a un pasado non tan lonxano da vida nas nosas vilas.
ResponderEliminarTamén ven a demostrar que daquela as bicicletas non so eran para o verán, senón un luxo para todo tempo.
Apertas
Unha correción: Jesús Galego Torreiro..."Galego García" son os fillos ;)
ResponderEliminarSaúdos