8 de xuño de 2017

CONTEXTO VIARIO ROMANO DE AGOLADA (I)

Propoñemos aquí o itinerario da vía Dactonium - Aquis Celenis desde a Serra do Faro ata Agolada.
A Vía romana que procedía de Dactonium (próximo ao actual Monforte) chegaba a Belesar, despois de baixar os Cóbados, cruzaba a ponte romana de Belesar, atopaba unha ara dedicada aos Lares Viais na saída da localidade cara a Chantada. Subía a Chantada e desde aquí seguía ascendendo ata Quintá de A Grade.

QUINTÁ DE A GRADE


Aquí o camiño cruzábase con outra importante vía, procedente de Braga, que pasaba polo campamento Aquis Querquenis, seguía cara o actual Ourense e por A Grade continuaba por terras de Taboada cara a Lugo.
Crese que nesta aldea puido haber unha mansio. A vila romana foi descuberta no ano 1991 durante a construción dunhas novas canalizacións. Apareceron restos cerámicos e de vidro, terra sigillata, fragamentos de ánforas, lucernas e estruturas habitacionais. Nas escavacións do ano 2003 recuperáronse 3.431 moedas de bronce, algunhas metidas nunha cunca de barro, de Constantino I, Constancio II, Constante, Valentiniano I, Valente, Teodosio e Arcadio, datadas entre o 324 e o 402, pucheiros para facer comida e útiles de cociña. Tamén apareceu a ara citada máis arriba. Tamén saíron á luz unha ola, unha xarra negra con boca trilobulada, unha doa de vidro, un fondo cilíndrico de vidro transparente, unha lucerna, restos de vivendas, unha cunha lareira, e unha canle de condución de augas. A cronoloxía da vila hai que situala nos séculos III-IV d.C.    (http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/romanizacion-de-galizagalicia-provincia.html)
Tamén nesta aldea de Quintá apareceu unha ara dedicada aos Lares Viais, ligados intimamente ás Vías romanas. A epigrafía que presenta reza así: "L(aribus) V(ialibus) P(osuit)/C.O (...)/(...)E/X VOTO" ("Aos Lares Viais. (?) puxo (este monumento) por unha promesa"). Forma parte da colección do  Museo de Lugo.



Desde Quintá a vía continuaba para cruzar a serra do Faro pola portela de A Matanza. Descendía a aldea de Couso e por Asperelo e Barrio proseguía a Santa Baia de Camba.

SANTA BAIA DE CAMBA

En Santa Baia de Camba tamén se encontrou unha ara dedicada aos Lares Viais. Esta ara (foto de Daniel González Alén) certifica o paso dunha calzada romana nas inmediacións.
Foi descuberta no ano 1964 no muro do lavadoiro da casa reitoral. Nela pode lerse: "UCCA [---------]".  Segundo Rodríguez Colmenero, o único argumento para considerala dedicada aos lares viais é a existencia dos tres foculi da cara superior, argumento que se ve reforzado co descubrimento de tres miliarios nas proximidades.
Actualmente está exposta no Museo Municipal
de Rodeiro.

VILA ROMANA DE PORTA DE ARCOS

Seguindo a liña de vestixios romanos encontramos a vila romana de Porta de Arcos no lugar de Outeiro (Fafián).
(Imaxe da escavación, obtida de Faro de Vigo).





SAN XOÁN DE CAMBA
Na parroquia de San Xoán de Camba, moi próximo ao Pazo de Camba, áchase na beira do Camiño de Inverno, o marco cilíndrico da imaxe, coñecido como o Marco do Perdón (información facilitada por Luis Fernnando Pérez Méndez).
Polo contexto romanizado, e a seguranza do paso dunha vía romana polas inmediacións, tal marco faise acreedor da sospeita de ser un miliario anepígrafe, en clara relación con outros atopados a escasos quilómetros.


A PORTELA

SAA - PESCOSO

No libro de Antonio Rodríguez Colmenero descubrimos con abraio a presenza de tres miliarios anepígrafes nun reducido radio de 20 metros.
Titularémolos con números, seguindo a orde en que os puidemos fotografar:

MILIARIO 1
Un groso tambor cilíndrico, sito á beira dun antigo portalón na Casa Grande Saa. A súa natureza de fito miliario resulta innegable, segundo Colmenero.


MILIARIO 2
Sito nun lateral da mesma casa, fragmentado en dous anacos, serve de soporte a un mesado-grella.  Trátase dun bloque cilíndrico de gran groso.


MILIARIO 3                                      
Miliario de granito de gran groso, seccionado lonxitudinalmente. Nel parecen adiviñarse algúns vestixios de letras, pero de imposible lectura.
Encóntrase servindo de sustentación ao tellado dun establo, nunha construción que intuímos que foi anteriormente a capela da Casa Grande de Saa.


VENTOSA
En Cartimil - Ventosa foi usado este cilindro durante moitos anos como pisón para as terras. Hai unha vintena de anos foi levado para o Pazo de Camba para substituír un marco semellante, o cal fora levado para o Museo de Pontevedra. Nel esculpíronse na mesma data as Cambas do escudo do Pazo.
Nese costume de reutilizar ou reaproveitar miliarios para outros fins, cabe tamén o de converter un marco miliario en Pisón. Polo seu tamaño e forma cilíndrica e por formar parte desa ringleira de vestixios viarios que baixa desde o Faro cara a Agolada, apuntámolo como posible miliario, á espera de que os especialistas o examinen.
(Obtivemos a información deste marco de Luis Fernando Pérez).

O propio nome de Laxe, na parroquia de Ventosa, é un dos topónimos asociados ao paso de vías romanas.

PONTE PEDRIÑA
É un topónimo asociado, sen dúbida, a vías romanas. Procede do latín Pons Petrinea.

MILIARIO DE AGOLADA
Durante séculos, camuflado como columna dun pendello-expositor e ignorando a súa orixe.








COROLARIO
Se desta ringleira ou aliñamento de vestixios non se infire o paso dunha calzada romana, cal é a conclusión que debemos extraer?
Cada un dos vestixios reforza aos demais.
A existencia de toponimia de aldeas como Vilachá, Vilarmaior, Vilameá, Vilela, Vilanova, Quintá, Quintela, Buxán, Aqua Lata... de clara orixe romana, evidencian este contexto romanizado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario