22 de decembro de 2006

A ARQUITECTURA POPULAR. A CASA.

Amósovos nesta imaxe unha casona de Vilar (Ventosa) que mantén orgullosa a elegante e esvelta cheminea coroada por catro pináculos barrocos. Abaixo o semicilindro do forno. Permiten adiviñar unha cociña cunha ampla lareira.
Omito adrede o resto da casa para evitarvos ferir a mirada cos elementos estraños que se lle foron engadindo. A substitución dos materiais tradicionais polos consabidos bloque, ladrillo, "uralitas", aluminio, chapas de ferro galvanizado; trouxeron unha importante desfeita á arquitectura do rural de Agolada, coma no resto de Galicia.
¿Por que esta destrución sen sentido? ¿Son estas as aldeas que nos gustan?
A arquitectura sen arquitectos, a que fixo as casas, os hórreos, os muíños, os cruceiros conseguira unha uniformidade nos materiais, propios do contorno, unha harmonía, unha perfección, unha conxunción de escala, proporción e estética.
En Agolada temos moitas mostras da mellor arquitectura popular en pedra gra (ao sur da Serra de Órrea) e construcións de pedra esquistosa (ao norte da Serra de Órrea). Pero moi adulterada polos novos materiais, introducidos nos últimos cincuenta anos.
Preservar a arquitectura popular é outra maneira de procurar o progreso e o desenrolo dos pobos, tamén do noso. É un sinal de inquedanza cultural e de sensibilidade pola beleza.