25 de decembro de 2006

MUÍÑO EN PEIZÁS

Moi preto de onde desemboca o rego de Ferreiroa no río Arnego hai unha zona de chousas e prados que recibe o nome de Peizás. Alí o rego de Ferreiroa cobra forza por mor da pendente do terreo. Fura por entre os rochedos que forman o seu leito. E esa forza brava e hidráulica era aproveitada en dous fermosos muíños. Un deles está en ruínas, o da foto aínda moe na actualidade, anque pouco. Conta cunha soa moa. Neles moían algúns veciños de Ferreiroa e de A Costa, aldeas que están a máis dun quilómetro río arriba.
A paraxe é de gran fermosura. Aquí os paxaros son donos do ceo e o velaugarrido xoga ás agachadas nos curutos dos amieiros.
Para este muíño compuxo Raúl Galego, o Gaiteiro Nubeiro, oriúndo de Agolada e bon amigo, a muiñeira "Muíño de Peizás" que interpreta Susana Seivane no disco SUSANA SEIVANE. O pai de Raúl Galego, Suso das bicicletas, era parceiro neste muíño, do que aínda garda os dereitos. O muíño é o último vencello material que garda a familia coa terra de orixe. Raúl con esta muiñeira quere renderlle homenaxe ao seu pai.