22 de febreiro de 2007

CASTRO MARCELÍN


Dos dezasete castros que hai no concello de Agolada, un destaca por riba dos demais: o castro Marcelín. O nome adoptouno da raíña Marcela que disque gobernara desde esta posición fortificada. Agachou o seu tesouro baixo sendas trabes de ouro e alcatrán e os máis vellos contan que desde o castro un pasadizo subterráneo chega deica o Farelo.
Sen dúbida este castro posúe a posición máis elevada e as máis amplas panorámicas ao seu redor, que o convertían nun punto estratéxico de vixilancia e observación do territorio circundante. A súa situación permitíalle a comunicación visual con outros moitos castros ata máis alá dos ríos Ulla e Arnego.
Encóntrase na parroquia de Merlín, preto da estrada Agolada-Melide, a uns dous quilómetros de Agolada. Deulle nome a un lugar da parroquia, formada polas aldeas de Marcelín, Friufe, A Vila Grande e Merlín.
O descoñecemento do valor patrimonial dos restos arqueolóxicos ocasionou que no recinto castrexo se fixeran actuacións desafortunadas como unha pista e un mirador asfaltado ata o interior da coroa, escavacións furtivas con detectores de metais, a ameaza dun parque eólico no seu entorno, etc.
Débese procurar que a existencia dun posto de observación dos incendios no seu interior non supoña alteracións no recinto (inscricións nas rochas, barbacoas, lixo...).
A foto inferior que acompaña este texto está tirada desde o lugar de Carral (Santa Comba). Os carballos do centro están tapando a nova igrexa de Friufe, que se ve branquear por detrás da vexetación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario