Un día Xaime Varela Sieiro apuntoume que había que destacar neste blog os remates do hórreo de Vitouro que está na súa aldea. Xa o tiña no meu arquivo para ofrecérvolo máis adiante. Posúo varias fotos del, con varias luces e con distintos ángulos. É un hórreo de autor: Manuel do Campo de A Costa (Ferreiroa), mestre canteiro da mellor escola. El creou un estilo, un xeito, un modo de entender a pedra e de expresar o cotián.
Neste hórreo destacan os remates, que forman unha escena de caza: un garda forestal dispara con pistola a unha pomba ou perdiz que está no remate oposto. Non semella unha pomba, pois fáltalle a cabeza. Os rapaces de antano disparábanlle pedras e rematou por romper. Ao principio, mentres non falei coa xente, cría que era un garda civil quen lle disparaba a un ourizo cacho.
É reseñable tamén o tellado de delgadas lousas de pedra gra e a orla que hai enriba da porta indicando a data de construción (1942).
As patoloxías que presenta son recentes: as celosías de cemento substituíndo ás madeiras dos laterais e un murete de bloques unindo os pés do hórreo.
A escasos quilómetros, en O Castelo (Lalín) está estoutro hórreo con decoración parecida, aínda que mellor elaborado, mellor decorado e con outra escena de caza, neste caso o cazador é un paisano traxeado e con escopeta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario