8 de febreiro de 2007

CARBALLO DA PRAZA DO CONCELLO (AGOLADA)

Sobrevives por vontade e por milagre,
orgullo e fachenda non che faltan.
Non puideron contigo as machadas
nin os ventos que esfolaron a túa copa.
Sobrevives illado no enlousado,
ti que amas a lentura da terra
e os arrolos dos paxaros.
Sobrevives e resistes tantos anos,
tantos golpes, tantos cambios...
a carón das exóticas palmeiras
e dos endebles plátanos.
Sobrevives aos xaneiros xeados,
rexa estirpe, que poboara
a praza da feira de Agolada
con decenas de carballos.
Sobrevives, quedas ti,
proxectando a túa sombra
de frescura sobre a ágora
e a túa estampa na nosa mirada.
Manuel Busto Galego

1 comentario:

  1. Parece un sitio muy bonito como hay en galicia en la zona de la coruña comarca de bergantiños. UN SALUDO

    ResponderEliminar