Órrea posúe na súa igrexa o mellor románico do concello, xunto coas xa coñecidas de Ventosa e Ferreiroa. A igrexa pertenceu ao mosteiro de monxas benedictinas que a finais do século XV abandonaron o cenobio para se integrar no de San Paio de Antealtares de Santiago.
Conservouse a igrexa como templo parroquial e as demais dependencias monacais desapareceron co paso dos séculos.
A igrexa conta con elementos románicos de gran interese: as dúas portadas: principal e norte, os canzorros, a ábsida circular, o arco triunfal e a bóveda de cascarón sobre o presbiterio.
A fachada foi reformada no século XVII e coroada por un campanario e pináculos barrocos.
Hai determinadas cousas que se insertan nas fachadas ou muros laterais que firen a harmonía da pedra. Refírome a ese taboleiro de alumino e á lápida de mármore que están á dereita da porta principal. Gusto e respecto, non fai falla máis nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario