A casa que está en primeiro termo á dereita, cun balcón sobre a porta foi a primitiva casa fundacional da familia do Caldeireiro. O nome vénlles da profesión do primeiro morador, asturiano de Sama de Langreo, que nos albores do 1700 veu para establecer unha fábrica e taller de caldeiros. Elixiu este solar, no cruzamento dos camiños, situación estratéxica, equidistante de Ventosa e Borraxeiros. Foi a segunda casa que se erixiu n'Agolada. Desde aquela época contaba con carretas de mulas para transportar o cobre e o ferro desde Pola de Allande (Asturias). Anos máis tarde ampliaron a casa e os transportes (de viño desde o Ribeiro e mercadorías ata Curtis). No ano 1884, en pleno apoxeo da feira, edificaron a casa que vemos na foto, na medula dos pendellos, e instalaron tenda, comercio e garaxe para un carromato.
Trátase de casas apenas modificadas que presentan estrutura e materiais propios da época da súa construción. Conta con palleira, eira enlousada, forno, pozo, abeberadeiro, pía-lagar, almacéns, cortes e un hórreo semidestruído por mor dunha árbore que lle caeu enriba despois dun vendaval.
Nesta encrucillada comezou a tecerse a breve e fermosa historia d'Agolada. A familia Caldeireiro protagonizou unha boa parte dela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario