17 de marzo de 2007

CASA EN BUXÁN (VENTOSA)


Na arquitectura popular de Agolada hai poucos exemplos de construcións con paredes circulares. A casa da foto está en Buxán (Ventosa), é pequena e ofrece esta solución de fachada semicircular para adaptarse ao vértice onde os camiños trazan un Y grego. Non por infrecuente é este un estilo descoñecido, son reminiscencias do pasado castrexo.
A pedra, sempre harmoniosa, fai unha casa de xoguete. A obra, ao canteiro, saíulle redonda.

3 comentarios:

  1. Execelente arquitecura. As aldeas merecen todo o noso mimo.

    ResponderEliminar
  2. O SEGUIMENTO diario dos blogs dos amigos que nos honran desde o seu talento e as súas sensibilidades fainos sentir un chisco máis solidarios e agradecidos: é un rebullicio de palabras e de imaxes que son magnéticas e circundan Internet en aturuxos de ledicia. Ollando aquamlatam, aopedofarelo, toxomar, falabarato, brétemas, dorvisou, aportaverde,.. aquecen corpo e alma e o tempo voa, repasa os nosos soños e un tanto as nosas vidas. Agradecementos pois aos xenerosos que aquí hai e aínda escriben, fotografan, crean, testemuñan.

    Estoutro día ollei unha entrada no blog de Manolo Busto que me puxo a circular polas avenidas da noite, cando acordas e todo se ilumina. É unha fotografía da «casiño redonda» de Buxán, un lugar da parroquia de Ventosa (Agolada). Lembro o día en que nolos dous pasmamos diante desta popa de pedra que navega ao garete no mar das nosas aldeas, tantas en abandono consentido. Poderíamola nominar, se o futuro se fabrica de por vida, A poubea de Buxán, Centro de Interpretación e Patrimonio. Ten todas as simboloxías do rural galego: o minifundio, a beleza, o respeto á tradición tamén castrexa, o colo e o berce das palabras nese microespazo da mornura onde tantas fornadas de amor foran amasadas, e serían fillos, netas e bisnetos... cabo de lonxe e por acaso sen regreso.

    Un niño de carrizo en pedra que se resiste e chama polos nosos ollos de cultura 2007, pola insubmisión ás despedidas e ás vendas para o derrube. Se o noso orgullo fose en medras, estes testemuños rechamantes (neste caso dunha arquitectura humilde e máxica a un tempo) darían óptimos resultados para futuros convivios e leceres: en cada parroquia de Galiza un CIP onde ver, estar e conversar sobre de noso en base á prospección desde unha etnografía en imaxes e máis lerias das que arestora hai, que somos case mudos desde aquela outra voz das noites familiares a amistosas, cando a palabra era.

    Que as institucións a quen corresponda invistan e concorden en que a Historia é moito máis alá que os ecos da memoria de cando en vez, aínda a escrita. E falo outrosí da ribeira, Beatriz Dacosta sábeo, onde hai tamén ruina e deserción; e cando algo fica en pé contra o pronóstico, apampamos e apraudimos para que o mar atenda, transborde e magnifique. Tal o Cabo de Fisterra, arestora e sempre baril, facho do mundo, do noso aínda. Parabéns a todos.
    Xosé Vázquez Pintor

    ResponderEliminar
  3. Gústame o artigo de Pintor. Fermosa arquitectura e fermosas palabras.

    ResponderEliminar