3 de marzo de 2007

LAXE (VENTOSA)

Laxe (Ventosa) é o segundo núcleo urbanizado do concello. Situado a 5 Kms. de Agolada en dirección a Rodeiro. É unha aldea con longa historia como se pode confirmar coa existencia de numerosas mámoas, petroglifos, o castro, as sepulturas antromorfas de San Xián dos Chaos, a igrexa románica, o cruzamento de importantes camiños desde a Idade Media...
Laxe é a aldea máis importante da parroquia e conta con varios establecementos hostaleiros, bares, supermercardo, churrasquería, taller mecánico ...e moi pronto ha ter farmacia. Tamén é agrícola e gandeira pero menos que antano.
Na foto superior vemos, de esquerda a dereita, a casa do Curisco, a do Sidorio, a do Coego e ao frente a do Manco, con longo e airoso corredor. Casas de estrutura pétrea cun aquel de señorío.
Neste lugar celébranse as mellores festas da comarca: o Faro, os días 8 e 9 de setembro de cada ano. Acoden as mellores orquestras e coñecidas bandas de música. A parroquia sente o orgullo de ver recoñecido o esforzo que fan, coa inmensa concorrencia de xente que son capaces de reunir. Igualmente vaise asentando a tradición da Festa do Emigrante, o primeiro sábado de agosto.
Laxe convocaba moita xente os domingos e festivos, nas tabernas (a do Juan, a da Palmira, a do Sidorio, a do Coego, a do Manco), no paseo. Apéname comprobar como daquela época xa case non queda nada. Hoxe ganou sona o cocido na casa do Manco e hai que reservar mesa con meses de antelación.
Podería omitir esta opinión pero creo máis honrado expresala co ánimo de aprender dos erros para non volver cometelos: cando a Xunta reformou a estrada deberan permitir o trazado orixinal que discorría por fóra do lugar a xeito de circunvalación. Comprendo os motivos que alegaron, pero debemos pensar en clave de presente e de futuro.

Nesta foto vemos Laxe en dirección Rodeiro. Pola esquerda os letreiros indican a situación da igrexa. De pedra, a casa que acaba de restaurar Adolfo Sarandeses, máis arriba a do Juan co corpulento carballo americano que ocupa a beirarrúa. Despois da do Juan está, un pouco retranqueado, o local social da parroquia...

Ningún comentario:

Publicar un comentario