10 de marzo de 2007

MUÍÑOS NA PONTE VILARIÑO


A cantidade de muíños que temos no concello de Agolada é numerosa, aínda descontando os que desapareceron por completo. A maioría dos que quedan están en ruínas, destellados, coas silvas apoderándose deles, cos muros caídos. Outros aguantan en pé misteriosamente. Tamén os hai ben restaurados.
O Arnego non é un río pródigo en muíños, nin o Ulla. Os primeiros muíños que move o Arnego en Agolada son os de Gurgueiro  e despois estes dous da foto, na Ponte Vilariño, grandes e en bo estado. En Vilariño move outros dous e en Carmoega, catro. O Ulla move varios, pero da otra banda do río, fóra do concello de Agolada.
Curiosamente o maior legado de muíños está nos regueiros, que quedan máis a carón das casas: no rego da Xara, no rego de Ferreiroa, no rego de Esperante, no rego de Santa Comba, no rego Lentisco, no rego de Basadre. Levo bastante tempo percorrendo os regueiros e aínda non os dei visitado todos. Hoxe mesmo veño de visitar o muíño que está por debaixo da aldea de Amance no rego de Basadre á beira do camiño que leva a Basadroa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario