17 de marzo de 2007

OS HAIQUES

Levo unha temporada na que se me achegan algunhas persoas e repiten con frecuencia a mesma cantinela: HAI QUE..., HABERÍA QUE... (poñédelle o infinitivo que queirades porque os escoitei moi variados). Diríxense a un coma se un estivese obrigado a facer o que os demais idean. Esta clase de persoas que reparten ideas gratuítamente, comprobo que teñen moita facilidade no falar e son das que pasan os anos sen que se lles vexa que nalgunha ocasión intentasen facer algo máis que mirar para o seu embigo. HAI QUE... Basta con que alguén faga algo que a eles lles gustaría ter feito, pero que nunca gastaron un minuto en intentalo, para ofrecerche mil alternativas ás que nunca se sumarán. Se algunha vez din comprometerse pronto han de escorrer o vulto. Falan gratuítamente tentando disimular as súas carencias no traballo cívico. "Se o non o fas non será porque eu non cho dixese". Ademais son incapaces de comprender o que é o altruísmo. Se fas algo será porque tes algún interese persoal. Eles non son altruístas e cren que todos actúan do mesmo xeito. Son os haiques.
A min gústanme as persoas de acción que ademais teñen ideas e que se embarcan na súa materialización. O resto quédase en teorías baratas das que se debaten a cotío no parlamento das tabernas.

NOTA: Quería ilustrar este tema cunha foto de xente. Foi escollida ao chou. Corresponde á feira do 12 de xullo de 2003.

1 comentario:

  1. De todas maneiras espero que non te desanimes e esteas por encima desas cousas. Quizais porque te ven de acción queren ver realizadas en ti, e con boa fe, as súas frustracións. Agora ben, na actualidade os actos de altruísmo como os teus non poucas veces son considerados o precedente da tan denostada política; por iso aínda a confianza non che é totalmente entregue. Mais estou convencido de que a terás e entón teralo todo. Felicidades de novo

    ResponderEliminar