21 de marzo de 2007

PONTE DE FERREIROA

Esta entrada dedícolla con especial cariño ao amigo Fidel Torreiro Sarandeses que olla este recuncho desde o seu domicilio madrileño. Despois de 35 anos na vila e corte aínda sente e respira con alma galega e todo o que leve o nome de Agolada rebórdalle no corazón.
Cando adolescentes temos ido a Ferreiroa moitas veces na súa pequena Montesa. Era o solar dos seus ancestros e alí recibiamos as atencións e o agarimo do seu tío Adolfo. Descubrín con Fidel moitos segredos deste lugar. De aí a dedicatoria.
A ponte da foto estaba en Ferreiroa no lugar da actual (de formigón). Por ela cruzaba o camiño que desde a Ponte dos Cabalos conducía a Agolada. Non tiña un especial valor arquitectónico. Pero á vista da foto comprobamos que sí posúe interese histórico e sentimental. Menos mal que Luís de Primo do Cura me surtiu con esta e outras delicias de fotos de principios dos setenta. Entón el non o sabía pero estaba a regalarnos un cacho da nosa pequena historia. E eu regálovola a vós co mesmo gusto.
Abrir esta ventá ao mundo e esperar que Agolada interese aos de fóra pode parecer pretencioso. En principio este blog creeino para esa comunidade virtual que formei a finais do ano pasado. Pero vanse sumando amigos de moitas partes. E o obxectivo ten necesariamente que diversificarse. En absoluto quero pecar de chauvinismo. Nin de ruralismo. Aprendín, como antes o fixeran os homes da Xeración Nós, que o universo todo está Arredor de min (Arredor de sí, escribiu Otero Pedrayo). Convertín Agolada no obxectivo dos meus percorridos ciclistas, no punto de mira da miña cámara Olympus e no referente das miñas pescudas. E a partir deste apriorismo vou tecendo esta historia que xa dura máis do que inicialmente prevín.
Porque sei que os escépticos abundan en todas partes, quero resaltar que Agolada é un territorio relativamente pequeno, no centro de Galicia, semellante a outros moitos, pero cuns símbolos que marcan a diferencia: os Pendellos e o Sobreiral. Son únicos e máxicos. Tamén a feira do 12.

Ningún comentario:

Publicar un comentario