23 de abril de 2007

CASETA DE PASTORES EN FERREIROA

Os que me ledes habitualmente teredes comprobado nestes días un pequeno parón na entrada de novas no blog. Os preparativos da celebración dos Premios Esquío tívome bastante ocupado. Sen pretender escusarme, si necesito dicir que reflexionei sobre o meu compromiso cos que atopades aquí algo do voso interese. E cheguei á conclusión de diminuír a intensidade de traballo no blog para primar a profundidade. Espero que o saibades entender. Ao principio, quizais me dediquei a el coa ilusión de ver contidos de Agolada colgados na Rede. Agora a perspectiva é diferente. Xa hai algo máis e convén elaborar mellor o material que vos ofreza.
Desexo expresar o meu agradecemento e rubor polas louvanzas que nos últimos días fostes deixando nos comentarios do blog. Especialmente a Xosé Luís Sucasas, Beatriz Dacosta e Paco Penas. Hai outros que non identifico por viren anónimos. Pero gracias igualmente.
Xosé Luís Sucasas destaca a grandeza do pequeno desde a súa páxina web. Porque a sensibilidade debe empezar por aí. E estou plenamente de acordo. En Agolada o máis grande que temos é o Farelo, a Feira, os Pendellos, o Sobreiral, as Torrentes, os Ríos, as Aldeas, os Xacementos Arqueolóxicos, os camiños, os horizontes, os menceres xeados, as tardes de cucos novos, o nabal da noite sementado de estrelas, as siluetas das árbores anunciando fantasmas no luscofusco, os valados que acollen as colleitas da fartura, os vagalumes que beirean os carreiros e as congostras, as fontes de auga e mel... Agolada é un mundo en miniatura, pero ¡que miniatura!
Coa foto de arriba quero falarvos desta curiosa caseta de pastores que se encontra preto do camiño que une Ferreiroa con Laxosa. Foi Fidel Torreiro quen me falou dela e por quen souben da súa curiosa construción. Ergueuna o canteiro Manuel do Campo de A Costa, do que xa vos teño falado. Trátase dunha casoupa de muros graníticos, de planta case semicircular, cuberta por unha única e enorme lousa de varias toneladas de peso. A principal particularidade estriba no feito de que Manuel do Campo ergueuna el só axudándose exclusivamente de pancas. A lousa segue na mesma área que ocupaba primitivamente. O canteiro só a ergueu en vertical. Primeiro palanqueaba a lousa por un lado e ía facendo parede no oco que quedaba ao aire. A continuación palanqueou polos outros costados e seguía coa construción da parede, e así ata completar a caseta. E o que se ve na foto é o resultado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario