Na imaxe da esquerda vemos a fachada principal da Casa Grande Eidián coa portada de entrada e un fragmento da muralla do recinto cuartelario. En primeiro termo o cruceiro, sen iconografía e con mesado.
No debuxo de arriba, de Xosé Manuel Broz Rei, observamos detidamente o lenzo da portada, en perpiaño, contrastando coa mampostería da muralla. O paramento está coroado por catro ameas e no centro sobre un pequeno pináculo de pedra, un cataventos metálico. A porta enmárcase nun resalte do paramento, acornixado no lintel. Sobre este un elegante e traballado brasón coas armas dos Ulloa, Varela e López de Basadre.
O pazo fora no seu momento cantón militar durante as guerras carlistas. A gornición aquí destacada participou en diversas accións contra os facciosos de Ventosa, Agolada e Baíña. Nunha ocasión os realistas foran atacados no seu cuartel polas forzas carlistas, moi superiores en número, e conseguiron defenderse, aínda que houbo moitos mortos polos dous bandos.
Os muros do cuartel, son practicamente cegos, agás nunha parte da fachada leste. Sobre estes muros hai dispostas con regularidade pequenas troneiras para defender con armas de fogo o recinto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario