11 de abril de 2007

PENDELLOS E CARROS

Hai imaxes que falan per se. Ben quixeramos ter conservado en Agolada estes humildes pendellos que o concello decidiu tirar en 1977. Hoxe falamos de recuperalos, de conservalos como memoria dese pasado feiral que tanto leva cambiado. Quero hoxe reivindicar para Agolada a figura de D. Xosé Filgueira Valverde, que foi dos primeiros en advertir desde o seu mirador pontevedrés a emoción e a relevancia deste recinto. El figura en lugar destacado entre os que promoveron a declaración de Conxunto Histórico-Artístico en 1985.
A imaxe de Foto Bernabé, de 1970, recolle un recanto do Paseo da Parranda, no único pendello expositor que carecía de mostrador. Agás o día de feira era utilizado como alpendre para gorecer os carros dos veciños.
Os Pendellos serviron tamén de acubillo aos xitanos itinerantes, que cando pasaban por Agolada establecían aquí o acampamento. Lembro que os nenos non ousabamos ir aos pendellos se sabiamos que había xitanos. ¿Prexuízos?
Varios mendigos facían noite de vez en cando no recinto na década dos 60 e dos 70: Ricardiño das Corbatas, que cun canto que semellaba un laído pretendía rezar; Antonio de Pambre, o da barba longa e cana, co seu caxato e groso saco ao lombo.
Durante as guerras carlistas hai constancia de que os facciosos pernoctaran en repetidas ocasións ao abeiro dos tellados dos pendellos.
¡Canta historia non contada!

1 comentario:

  1. Unha marabilla de foto.
    A min pásame o mesmo cando miro pedras vellas; penso nas cousas e historias das que foron mudas testemuñas.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar