En Moas (Brántega) á beira do pazo, separada por unha estrada local, atópase a capeliña dedicada a San Antón. É unha edificación sinxela, de planta rectangular e tellado a tres augas.
Na fachada que mira cara o pazo está a porta abrigada por un soportal apoiado en dúas columnas de madeira que se apoian en pequenos piares pétreos. A porta enmárcase nun lenzo de madeira con celosía de barrotiños. Sobre a porta campea un escudo de madeira coas armas do pazo.
Á esquerda da capela hai un pequeno cruceiro que ten por basamento a propia rocha que emerxe do terreo.
No interior consérvase o retablo de madeira e o altar. Soamente hai culto o día de san Antón, o 13 de xuño de cada ano.
Marabillosa. A fachada non ten un aquel coa das Virtudes?
ResponderEliminarEfectivamente garda un parecido na celosía de madeira con barrotiños. E ademais os propietarios estaban emparentados. Desta casa saíu un Sarandeses varón que lles deu apelido aos de Ferreiroa que ata daquela levaban o apelido García. A casa de García de Ferreiroa era a propietaria da Capela das Virtudes que primitivamente estivo en Ferreiroa nun recóbado do río, xa preto dos muíños de Bidueiros.
ResponderEliminar