28 de maio de 2007

DESEMBOCADURA DO RIO FURELOS

Poucas veces a desembocadura dun río se viu tan afeada pola colocación dos peares dunha ponte. Lembra un pouco o caso de Os Peares, ese pobo multiseccionado, cruzado de pontes e camiños, onde axuntan o pai Miño co caudaloso Sil.
Poucos metros máis arriba dos tres peares cilíndricos da ponte da foto desemboca o río Furelos no Ulla. O Furelos é o que se ve pola esquerda, as terras da dereita corresponden a Agolada, provincia de Pontevedra e as da esquerda son de Santiso (A Coruña).
O topónimo deste lugar é a Pontenova que responde ao feito de que a principios do pasado século se construíu unha ponte que substituiría no paso dos camiños importantes á ponte de A Cornella (que viría a ser a vella). De seguirmos a terminoloxía que empregan en Ourense capital, a ponte que vemos na imaxe haberiamos de lle chamar a ponte Novísima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario