O artigo vén motivado por unha sentenza que condena a un empresario por contaminar un río. Despois de lelo, inmediatamente pensei no concello de Agolada. O aire destas terras do Farelo podemos dicir que aínda é puro, pero menos que hai anos. As augas veñen de ser analizadas no Arnego polo colectivo do Proxecto Ríos e din que aínda gozan de boa saúde. Iso non significa que estean impolutas. Existe contaminación nas augas anque non sexa importante. Os xurros (puríns), os abonos químicos, as escombreiras nas marxes dos ríos... Levo tempo sen ver animais mortos tirados nun río, pero no pasado vin varios. O que máis nos afecta do que se cita no artigo de Carlos Agulló é a destrución da paisaxe: as canteiras, a construción indiscriminada de vieiros e edificios, a devastación do bosque por mor dos incendios ou das concentracións parcelarias. Ollo, que dixen ben: as concentracións parcelarias hai que facelas de xeito que non se acabe co bosque, valorar as árbores e no deixar tronzalas como é práctica habitual. A miña aldea de Carmoega era un agro extenso rodeado dun enorme bosque. E agora que xa leva varios anos de rexeneración arbórea aínda non é nin a sombra do que foi. E iso por culpa da concentración parcelaria.
Quero resaltar do artigo as seguintes palabras que perfectamente podemos aplicar ao noso concello: O PROGRESO EN GALICIA É IMPOSIBLE SE NON SE CONSIDERA O MEDIO AMBIENTE COMO UN RECURSO ESENCIAL.
A CREACIÓN DE EMPREGO NON PODE SER COARTADA PARA MALTRATAR A NATUREZA.
Na foto vemos o río Arnego ao seu paso pola Ponte Carmoega, un espazo natural digno de conservar e que sufriu unha enorme transformación desde que eu era neno.