
Non vou ser eu quen diga que este lugar desaparecido tiña un encanto especial. Non, porque eran construcións humildes, coma o resto dos pendellos. Pero forman parte desa película que os meus ollos filmaron na infancia e na adolescencia. Forman parte do acervo histórico dunha vila que naceu á beira da feira e viviu durante moitos anos arredor da feira. É unha esquina da praza onde os polbeiros e as panadeiras chantaban os seus tenderetes. No mesmo sitio no que a sombra do cruceiro se proxecta sobre o pavimento. Se hoxe acudimos a este lugar encontraremos a Casa do Concello pero non estes pendellos. Pero ao menos quédanos a foto para desafogar a nostalxia.