
Sorprende tanta sinxeleza. Unha capela carente de retablo, sen máis ornato que as tres efixies sobre unhas táboas-andel encastradas na brancura da parede. Un floreiro nunha esquina e unhas candeas sobre unha mesiña. Na imaxinería creo que en primeiro termo está o arcanxo San Miguel, no centro a Virxe das Neves e a terceira non a dei identificado. O resto da capela é igualmente sobrio. E debera bastar para quen profesa a fe de quen dixo que máis doado entraría un camelo polo ollo dunha agulla ca un rico no reino dos ceos.
A foto conseguina desde o exterior, introducindo a man por un ventanuco.