25 de maio de 2007

PATRIMONIO CONSTRUÍDO

Falaba na primeira entrada de hoxe dun artigo publicado na Voz de Galicia por Carlos Agulló no que se citaba a invasión da paisaxe entre outras ideas. Postos a pensar qué é iso da invasión da paisaxe poderiamos falar da apertura dos camiños, estradas e construcións de todo tipo, polígonos industriais, granxas, casas... Agolada diminúe en poboación pero aumenta a súa superficie construída. Paradóxico. Sucede igual no resto de Galicia.
Hai uns días fomos convocadas varias persoas das asociacións culturais por un grupo político municipal para aportar as nosas ideas respecto de cuestións culturais. Cando se nos informou da intención que tiñan de crear centros sociais en todas as parroquias, eu apuntei que vía máis lóxico crear unhas cabeceiras de parroquia e facer centros sociais que acollan a varias parroquias á vez. E mesmo sinalaba que estes centros ocupasen as antigas escolas e onde non as houbese se habilitasen edificios ou casas abandonadas ou que ameazasen ruína para seren transformados en centros sociais. É unha forma de restaurar e revitalizar o patrimono xa construído e ao mesmo tempo evitariamos a permanente colonización da paisaxe con formigón e asfalto.
Outro tanto indiquei respecto dos camiños, especialmente nas zonas onde xa se fixo a concentración parcelaria. Queremos máis e máis camiños, estradas para chegar co coche ás fincas forestais. E iso non debe ser así. O bosque e a fauna que o habita necesitan a intimidade e a inaccesibilidade dos humanos e as súas máquinas a determinadas zonas. E por outra parte considero que as zonas de concentración están suficientemente vertebradas nas súas comunicacións.
Colonizar e asfaltar non necesariamente son sinónimos de progreso.
A casa da foto que acompaña esta entrada (A Guillerma-Borraxeiros) é merecente de ser rehabilitada e coma esta outras moitas. Se se quere incrementar a poboación non ten que ser a costa de facer máis casas invadindo máis territorio. Fomentemos a rehabilitación do xa construído e habitémolo.