7 de maio de 2007

A FEIRA DOS RANCHOS

A foto é de 1970, do arquivo de Bernabé de Lalín. Unha imaxe bastante difundida na comarca do Deza porque recolle moi ben o momento de baixar os ranchos do carro para mellor expoñelos colocados no caixón de madeira. Outras veces pousábanse no chan choídos por unhas cancelas de táboas, formando un pequeno curral cuadrangular ou triangular.
Os ranchos agarrábanse polo rabo e por unha orella e berraban case coma cando os matan. Outras veces bastaba collelos por unha pata traseira.
Ranchos, bacoriños, cochos, marráns, porcos, corrichos, leitóns, roxelos, zacotes... Velaí cantas denominacións para un só animal, segundo as zonas. Se entre os lectores aparecen máis nomes sería cousa de agradecer porque como ben di Vanessa de Santiso hoxe no seu blog estanse a perder as palabras do rural, as que usaron os nosos ancestros. E ese é o mellor patrimonio que nos deixaron e que debemos velar pola súa conservación.
Nesta imaxe da feira de Agolada vemos a Orlando da Vila e a Evaristo de Vilanova (Borraxeiros) coas súas donas facendo as feiras. Pronto habían de chegar os tratantes cos seus blusóns negros e bastón vernizado para relear na cualidade e no prezo. E o xiz azul ou morado para marcar os que ían comprando. Entre os tratantes da miña nenez un quedou na miña memoria polo seu nome que non pola súa a cara, o "Puente Campaña", que seica era da zona de Palas de Rei.
De fondo a casa da Lanchona e un pendello que se conservan tal coma na foto. O chan na actualidade está asfaltado e a feira trasladouse ao novo recinto, mellor preparado e máis gorecido.
(Neste último novembro mudouse o pavimento de asfalto desta rúa para substituílo por enlousado de perpiaños).

3 comentarios:

  1. Hola amig@s.Busco información sobre mi abuelo José Rivas de la parroquia de Baiña.Rivas fue músico de unas cuantas bandas de música de la comarca.Agradeceria vuestra ayuda para saber más de él.Un biquiño. María

    ResponderEliminar
  2. Preciosa foto, unha xoia.
    Acordóuseme a feira da Trabe, na miña terra (concello de Ponteceso), cando eu era neno.
    Era unha feira moi importante, e agora...Todo iso morreu.
    Non sei se para ben ou para mal, pero morreu.

    ResponderEliminar
  3. Onde se poden consultar os arquivos de Bernabé?

    ResponderEliminar