13 de maio de 2007

HÓRREO CON ARTE


Hai uns días escoitei na radio unha opinión merecente de destacar. Dicía que a paisaxe privilexiada de Galicia contrastaba dunha maneira esaxerada coa desfeita que se estaba a producir na arquitectura tradicional. Eu opino que unha e outra teñen sufrido moitas alteracións desafortunadas, máis esta ultima, desde logo. A paisaxe, por culpa dos incendios, das canteiras, dos parques eólicos, da contaminación, da apertura indiscriminada de pistas forestais, das talas irracionais nas concentracións parcelarias, das repoboacións con especies alóctonas... A arquitectura sufriu o mal gusto e a falta dunha mínima formación estética, a escaseza de recursos económicos, a liberdade de facer o que me peta onde me peta, a ausencia dunhas normas urbanísticas claras, etc.
Pese a todo aínda quedan espalladas por moitas aldeas sorpresas como a que recollo nesta foto: un hórreo con detalles artísticos singulares e perfectamente restaurado. Os elementos que máis sobresaen son a soleira, baixo o tellado, cun artístico trenzado en altorrelevo, os orixinais pináculos con volutas e cordonciño nas arestas, as columnas centrais con rebaixe de canaleta semicircular que presenta unha especie de medallón na parte superior.
Este hórreo pertence á casa de Ferreiro da Aldea do Monte (Ventosa).
Pero sempre hai peros. A escaleira de pedra que lle daba acceso foi eliminada para ampliar o espazo da eira. E o establo e a palleira que hai detrás do hórreo son dese tipo de arquitectura que tan estendido está hoxe no agro galego e que tanto desentona na paisaxe e coas casas de pedra de sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario