O alcantarillado no Paseo da Parranda foi a primeira obra nas rúas dos Pendellos en douscentos anos de existencia. Isto ocurría no principio dos anos 70. Quizais fose a escusa que se precisaba para logo abrir unha rúa de formigón. Supuxo a desaparición dos pendellos-expositores da mellor rúa de feira de Agolada e quizais de Galicia.
Visto desde hoxe non é difícil comprender o enorme erro que se cometeu naquel momento. ¡Que lonxe estaban os políticos locais e moitos veciños de Agolada de comprender a importancia etnográfica, histórica, económica e social deste recinto feiral! Aínda hoxe quedan rescaldos daquela incomprensión e incredulidade. Tivo que ser alguén de fóra, D. Xosé Filgueira Valverde á cabeza, quen defendese a importancia deste espazo de feira como algo único en Galicia. Del partiu a petición da Declaración de Conxunto Histórico-Artístico e quen nos alertou a todos da enorme desfeita que se fixera ao derrubar o Paseo da Parranda.
Algúns veciños de Agolada, na súa irracionalidade, propugnan arrasar o recinto para convertelo en solares. ¡Coma se non houbese terreos abondo arredor de Agolada para solares! É difícil entender ese autoodio, algo comparable ao que senten algúns galegos coa súa lingua. Por iso urxe facer obras que recuperen o recinto, que o saquen da ruína, gañalo para a vida, para diferentes usos. É importante volver a sentilo como algo necesario, velo e vivilo con orgullo e admiración. Ás autoridades municicipais e aos axentes sociais correspóndelles esta tarefa, lenta, traballosa, permanente, teimosa e imparable. A historia fará xustiza cos que arrimen o ombro nesta empresa, estou convencido.
O teu entusiasmo é tan contaxioso que che acabarán dando a razón.
ResponderEliminar