Quizais o nome do río Lentisco sexa o máis adecuado para este regueiro que nace no Gorgullón nas abas da Pena da Virxe e do Picolongo (As Trabancas), cruza entre Couso de Arriba e Couso de Abaixo, pasa á beira de A Ermida, vai polo fondo dos campos que hai entre Reboredo e Cristín, bordea A Guillerma, cruza a estrada de Melide na Ponte da Vila para baixar a Buxel saltando de muíño en muíño, marca límite entre os prados de Buxel e o gran bosque de Cendoi, entre o monte riscado de Traspenas e os eidos fondais de Outeiro, chega ao Galiñeiro, vai na busca de A Braña, Brandariz e Castro na parroquia de A Baíña e preto de O Seixo baléirase no Ulla. Pero antes bendiciu lameiros, moveu rodicios innúmeros, cantou versos de auga doce e escachou nas fervenzas de Buxel enchendo o mesto bosque de sonora frescura.
Na foto vese un dos moitos muíños (19 alomenos) que abeiran este regueiro. Está no lugar de O Galiñeiro, onde a parroquia de Artoño linda coa de A Baíña.
O río tamén recibe os nomes de Rego de Couso ou Río de A Baíña. Para unificar nomes quizais o de Lentisco sexa o que lle dea máis cohesión ao non coincidir co nome de ningunha aldea e estar polo tanto exento de caer nos localismos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario