Hai moitas maneiras de facer cicloturismo. Non creo que exista unha definición concreta do cicloturismo. Desde logo é un tipo de ciclismo que se fai por afección para encher o tempo de ocio. E cada un faino como quere e como lle gusta.
Considero que nunca debe ser competitivo, que se practica sen présas, sen agardar premios (a satisfacción vai en cada pedalada), non importan os quilómetros que se fagan, nin cando se chega.
Máis ca un deporte é unha maneira diferente de andar pola vida, ollando as paisaxes e as poboacións desde a posición privilexiada do sillín. Pódese practicar en grupo ou individualmente. Non hai idades para practicalo. Vale para todos, cadaquén ao seu ritmo. Pódese ir por camiños, por estradas e/ou por carril-bici. Serve para alongarse nas chairas e para escalar os cumes dos montes e ver a terra desde a atalaia dos outeiros. Para traspasar os horizontes e para descender aos vales na procura dos ríos...
É sinónimo de liberdade e de independencia. Axúdanos a redescubrir sensacións perdidas do noso mundo interior, a conectar e a interpretar o noso entorno e a realidade da vida.
É unha fonte inesgotable de sensacións pracenteiras. Crea adicción e mellora a saúde.
É o meu deporte preferido.
Texto baseado noutro publicado en www.pedalibre.org e a foto dun cadro do meu amigo e compañeiro Luís Viñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario