Hoxe recibín un comentario nunha entrada de dúas persoas interesadas en estudar os cruceiros nos concellos de Agolada e Rodeiro. Nel viñan a preguntar se coñecía máis cruceiros que os aquí expostos. Sen lugar a dúbidas. Se non todos, case todos. Ireinos poñendo aquí aos poucos.
Doume conta que me quedan sen catalogar fotograficamente algúns que están en patios ou eiras dalgunhas casas particulares.
Hoxe ofrézovos un dos cruceiros que hai na carballeira da Virxe da Saleta, na parroquia de As Trabancas. Aquí lembro que había un calvario con tres cruceiros. Hai uns vinte anos ou algo menos o obispado, propietario da carballeira, quixo que a festa se celebrase no exterior da carballeira. E os veciños reformaron a zona de acceso á carballeira para facer un novo campo da festa. A zona quedou profundamente modificada e tamén os cruceiros do calvario. Movéronse de sitio e algún cruceiro perdeu a primitiva cruz ou a iconografía, como é o caso do da foto.
Non fun capaz de entender ata hai pouco a profusión de cruceiros que hai desde o campo da Saleta ata a igrexa parroquial. Nunha visita recente ao adro da igrexa puiden comprobar que se trata dun viacrucis que rodea a igrexa e sobe ata a carballeira da Saleta. O único viacrucis de pedra que hai no concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario