26 de xuño de 2007

HÓRREOS CON PINÁCULOS CURIOSOS

Estes dous hórreos, xunto co da casa de Vitouro de A Lagoa son os que presentan os pináculos máis orixinais e que se apartan do tipismo dos demais.
Este da dereita está á beira dun chalé construído recentemente e foi trasladado ata aquí para ser colocado como elemento de adorno. Polo escasa anchura case podería afirmar que procede da provincia de Lugo, onde teño observado varios concellos nos que son moi estreitos.
Os remates sorprenden, sobre todo o tridente. O segundo paréceme que poidera tratarse dun reloxo de sol, non puiden velo do outro lado.Parecen de nova factura.

Estoutro está na casa do Aceiteiro en Ventosa, no lugar de Laxe. Tamén creo que foi trasladado. O propietario, bo canteiro, colocoulle estes pináculos porque o hórreo carecía deles.
Aquí está o segundo reloxo de sol que dixen que coñecía no concello, despois daquel que lle ofrecía a Beatriz Dacosta.

1 comentario:

  1. A parte do gusto de cadaquén, creo que é un exemplo de feísmo en tanto que carecen da simboloxía e daquela da funcionalidade que teñen estes elementos: símbolos de fecundidade e protección das colleitas; paganismo e cristianismo mesturados na nosa arquitectura. Como di o refrán Hai que estar a ben con Deus e co demo.

    ResponderEliminar