28 de xuño de 2007

SOS COUREL E FARELO

Adega e a Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel reclaman a nosa atención e a nosa axuda ante a desfeita das canteiras e demandan un Parque Natural digno e razonable.
Non pretendo establecer comparacións entre o Farelo e o Courel porque a dimensión do Courel deixa diminuída a importancia do Farelo. Pero ámbalas dúas serras comparten estes días a ameaza da concesión de respectivas canteiras, que se suman a unha xa longa lista. No Courel a Xunta vén de conceder a explotación dunha canteira de pizarra en A Campa do Courel. Outras doce morden as carnes desta serra e verten regos de veleno no Lor, Selmo, Soldón e Lóuzara. No Farelo, outra concesión de extracción de granito ornamental. ¿Ata cando? ¿Ata onde? ¿Por que?

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe,
eiquí síntese ben o pouco que é un home.
Uxío Novoneyra

Prezados/as Amigas/os
Chegamos a un punto de non retorno.
Como galegas/os ou como persoas non podemos consentir a destrución irreversible das montañas do Courel. Unha Serra emblemática que agocha o cerne da Galiza.
Reclamamos unidade de acción contra a destrución sistemática do noso País. Non se pode consentir que se esté argumentando a favor do Desenvolvemento Sustentable, e contra o Cambio Climático, mentres se traballa, desde a administración, a contra destes dous principios. Reclamemos a legalidade do estado de Dereito, e a ética de respectar as riquezas que herdamos para que delas disfruten tamén os que veñan tras de nós a habitar esta , aínda , fermosa terra.
Con dolor e raiba,
Adela Figueroa Panisse. Presidenta de ADEGA

Eu aprendín a amar o Courel na Lóuzara xabreira moito antes de que a cantase nos seus versos Fiz Vergara Vilariño.
Sei dos nomes que a definen e conforman: Santalla, Praducelo, Bustofrío, Gundriz, Outonín, Ouribio...
A Seara, Visuña, Ferramulín, Carbedo, Folgoso, Esperante, Froxán, Cortes, Seceda, Vilarbacú...
A Devesa da Rogueira, a de Romeor, a de Paderne...
Pía Páxaro, Formigueiros, Lagoa da Lucenza...
É o meu paraíso escollido, a montaña misteriosa e inmensa, o bosque mítico e fragoso, o cerne da terra regalada polas neves.
As aldeas, lugar de habitación inigualable, entálanse entre montañas e egalánanse co xardín do bosque próximo. A montaña é un tapiz pendurado fronte ás solainas.
Na foto superior: mesón O Calellón de Seceda. Na inferior: casas da aldea de Cortes.

A “Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel”, veciñ@s do concello de Folgoso Courel, pedimos axuda urxente para que a Xunta de Galicia declare Parque Natural ao C o u r e l, de inmediato; incluíndo dentro, como mínimo, as cuncas íntegras dos ríos Lor, Louzara, Selmo, Soldón e Ferreiriño; e que se libre o territorio conformado por todas elas, de todo tipo de impactos e concesións incompatibles, como canteiras, eólicos, centrais hidroeléctricas, vertedoiros, ... O territorio que nós esiximos como Parque Natural, supón alomenos un 1/3 da Serra Courelá, do conxunto montañoso que se estende entre os Ancares e a Ribeira Sacra (Sil), e entre as chairas de Monforte e Sarria ata o Bierzo. Os 2/3 restantes seguirán sendo aniquilados, se ninguén o remedia, de forma brutal polas máis de 12 macro canteiras que traballan na zona de Pacios-Vilarbacú e Selmo Leonés-Montouto (en parte, antigos territorios do noso Concello).
Esta é unha das tres canteiras xa existentes no Farelo, un monte pequeno en comparación co Courel. A proporción da desfeita con outra canteira máis, por riba do parque eólico, vai ser descomunal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario