Agolada nos anos 70 era un pobo cheo de vida, de mocidade. Nenos e mozos enchían casas e rúas. Unha xuventude emprendedora que lle deu vida e sentido ao teleclub, organizando múltiples actividades: obras de teatro, excursións, marchas pedestres, os magostos, as comparsas de entroido, as cabalgatas de Reis, un grupo de canto, unha frustrada rondalla, etc. Unha xuventude que saía xunta de viños (ata onde chegaba o escaso presuposto), ía ás romarías da redonda, a bañarse á tosta de Vilariño... Neste grupo co me criei e compartín moitos momentos agradables nunca presenciei borracheiras, a palabra droga non figuraba no noso vocabulario nin calquera outra do argot, nin pelexas, nin excesos de velocidade. Toleadas? Si, algunhas houbo, as propias da xuventude de entón. Fumar? Si, claro. Ninguén nos advertira dos seus danos. Transgresores? Se ser transgresor é sinónimo de modernidade, aquí o que o que estilaba era transgredir a transgresión. Eramos todo o modernos que a nosa humilde economía e sociedade nos permitían, é dicir, había que transgredir a necesidade, había que transgredir as limitacións evidentes daquela Galicia rural, de interior, olvidada e atrasada.
A foto, na que eu non figuro, enviouma hai uns días o amigo Fidel Torreiro (o que ten os brazos abertos) desde Madrid. Con el están: arriba, Raquel e Eva do Mutilado, Julia Vilar, Xosé Ramón do Benito; no medio, Tucho do Mutilado, Román do Eiras, Suso Chorén e Luís do Mutilado; abaixo, Fidel, Charo, Marisa do Óscar e Luís García Chorén. Para todos eles unha aperta na esperanza de que a reciban se len o blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario