4 de agosto de 2007

ABELARDO DE BERREDO

Abelardo ocupa na historia recente de Agolada un lugar reservado. Era coñecido por todos polas súas especiais cualidades físicas e mentais. Analfeto desde sempre, posuía sen embargo unha memoria prodixiosa e facía cálculos en días, horas, minutos e segundos con facilidade pasmosa.
Do seu físico destacaba a faciana marcada por abundantes e sobresaíntes verrugas; da súa vestimenta, a manía de levar postas chaqueta sobre chaqueta e sobre elas zamarras ou gabardinas ... e comida e moedas en todos os bolsillos.
Andaba nas feiras e nas festas a pedir esmola e a agardar que lle pagasen polos seus cálculos que creaban o pasmo.
Era un exemplo característico do que a ciencia psiquiátrica define como un IDIOT SAVANT.
No ano 1974, Xosé Vázquez Pintor retratouno así no seu libro "De ida e volta":
Vostede -viaxeiro sen fronteiras- nasceu nun sábado, vintesete de maio do ano..., e xa conta novecentosoncemillosdouscentosnoventaeseismil segundos de atraso na suma dos días. ¡Ah!, e o dez de xaneiro do ano vinte cadrou a luns; e o mellor ano da festa nas Trabancas foi o do corenta e oito; e dende Artoño á Agolada, pasando polo Coteimil hai unha lonxanza en millóns de reás que suman moitos cartos de marisantísima.
Abelardo -¿cantos anos?- vén a ser como un artefacto deses que fan nun segundo o traballo da ciencia. Chámalo, preguntas, agardas un chisco e sábelo todo, ficando pasmado diante daquel vello esmolante coa faciana cuberta de enrugas; do que fala só cando ninguén lle obriga ao misterio; do personaxe sen groria á quen a fame lle puxo os ollos tristeiros e o estómago alleo.
Vai polas festas e as feiras coa zamarra noxenta e cos pantalóns cinguidos nas pernas. Fala baixo, toupeneando coas datas e ollando para un punto lonxano. Se lle dás, colle; garda as moedas nun peto fondo e non agradece, leva o seu froito. Camiña entre a xente coma un fardo de escoria, fedorento e pobre, cunha testa limpa que só fai números e lembra nos días xogando co tempo. O bastón de sobreira pendurado do brazo -¿para que quererá ese pau se non se val del?- e unha pucha de pana, o seu tellado máis vello. Solteirón e orfo, co cálculo frío non resolve a obriga da boca; e alá en Berredo restará dos días a fartura allea.
Coñecino na Cruz de Brántega na hora do xantar, percorrendo as árbores e facendo pasmóns. Dábanlle pan e carne da festa, lambetadas, saúdos..., e el marchaba sen risas, matando aquel día o verme do ano. Despois voltei a velo no Faro, en Melide, nas Cruces, na Arzúa..., e fíxenme amigo do home que non agradece a esmola e a tinta, dese personaxe xeado de espírito e coa testa limpa de teas e contos. Para el son o fillo do Quián, o que o persegue sempre na procura dun número ou dun día enterrado, mesmamente cal se fose un palloco calquera coas luces da noite.
Un día morrerá en Berredo ou no seu posto de esmolante a carón dunha tenda de globos e chicles, cunha goma nos dentes pechando o misterio.

5 comentarios:

  1. YO TAMBIEN ME ACUERDO DE EL,PERSONAJE DE MI INFANCIA,TAMBIÉN VENIA A LAS FIESTAS DE BAIÑA.

    ResponderEliminar
  2. Incrible o home ese.
    Non sabía que existisen os idiot savants eses. Graciñas pola ligazón.

    ResponderEliminar
  3. Abelardo se afeitaba en el río con una navaja de barbero y un espejito...,teniendo tantas berrugas en la cara,jamás se cortaba una.

    ResponderEliminar
  4. La casa en donde vivió y murió Abelardo la conozco personalmente.Es impresionante la cantidad de comida, ropa, dinero... que había en aquella casa,quedando solo un estrecho pasillo para acceder a su cama,entrar y salir de la vivienda.
    Que pena que una persona con esa capacidad intelectual viviese como un pobre siendo rico.

    ResponderEliminar
  5. Abelardo....por favor, que día fue el 27 de agosto de 1938, pasanban 12 milésimas de segundo y zas!!! respuesta correcta.

    Para mí era como mágico y me descolocaba gratamente. ¿Cómo una persona con tanta limitación, podía ser tan rápido mentalmente?.

    Me encantaba encontrarmelo por las calles de Berredo y preguntarle y preguntarle. Si hablabas con el y le dedicabas algunos minutos, no dejaba de sorprender.

    Un abrazo allá donde estés..

    ResponderEliminar