6 de agosto de 2007

DOUS DIRECTORES XERAIS DE TRABALLO NOS PENDELLOS


O 12 de abril de 2006, a petición da Asociación, acoden a Agolada os Directores Xerais de Formación e Colocación, D. Pastor Fuenteseca Díaz e o de Promoción do Emprego, D. Álvaro Ansias Bacelar. Presentásmoslles as ideas que arelamos para a restauración dos Pendellos e fixemos un percorrido por todo o recinto. Ofrecéronnos a posibilidade de financiar un obradoiro de Emprego para a restauración dos Pendellos, previa presentación da solicitude e proxecto pertinente, cuestión que lle corresponde ao Concello.
Na súa visita estiveron acompañados polo alcalde Ramiro Varela (que aparece na foto entregándolles un prato conmemorativo do Concello de Agolada), pola Directiva da Asocación Amigos dos Pendellos, algúns compañeiros de estudos e por representantes do PSOE local.
Dábase a feliz circunstancia de que neste día cumpríanse 30 anos exactos da primeira visita de Pastor Fuenteseca Díaz a Agolada, quen acudira invitado por min á miña casa na época en que eramos compañeiros de estudos. Daquela súa primeira visita son as fotos en branco e negro, onde Pastor aparece con chaqueta branca no medio dunha pandilla de Agolada.
Completamos a xornada do 12 de abril saboreando os viños e as tapas nos bares da vila e logo cunha comida de confraternidade. Pola tarde visitamos os pazos de Borraxeiros e Eidián e a taberna da Guillerma (Borraxeiros). Nesta ocasión pódese dicir que matamos dous paxaros dun tiro: cursaron visita institucional as autoridades da Consellería de Traballo e reencontrámonos vellos amigos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario