6 de agosto de 2007

JOSEFA DE PEDRO

Todos lle chamabamos Josefa mais ese non era o seu nome. Dicíase María Filomena. Era filla de Pedro do Toco, irmá de Clemente da Estrella. Lémbroa, sendo eu neno, traballando de criada na casa do Óscar, coa súa fala berrona por mor da semixordeira que disque arrastrou desde pequena cando caera na friaxe dunha poza de auga que o inverno deixara no camiño do Coteimil. O pano na cabeza e o mandilón eran indispensables na súa vestimenta humilde.
Solteira, vivía soa na Rúa Nova, preto da miña casa. É unha desas persoas que forman parte da galería dos personaxes da infancia. Por veces viña a acompañarnos, contaba algún conto, tomaba café. Pero a xordeira illábaa bastante e a súa conversa quedaba reducida a uns poucos adverbios.
Morreu soa despois dunha viaxe sen sentido de ida e volta cara o hospital, sen parentes nin descendencia. No seu enterro estabamos os veciños de sempre, na capela do cemiterio. A que fora a súa casa aínda hoxe garda o seu baleiro despois de varios anos do seu pasamento.
Esta foto que lle fixera Ton van Vliet nun descanso da malla na casa de Clemente, seu irmán, rescátaa do esquecemento e queda para sempre a súa memoria neste apuntamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario