6 de agosto de 2007

MANUEL REGAL LEDO. CONFESIÓN

Manuel Regal Ledo é unha das persoas que máis admiro e con quen teño a fortuna de compartir vella amizade, amor á nosa Terra, paixón pola lingua galega coa que aprendemos a falar, el en Pesqueiras (Chantada) e eu en Carmoega (Agolada). Amamos o mundo rural e as palabras sinxelas, preferimos o humilde ao poderoso... Durante tres anos vivimos en comunidade a vida benedictina e desde entón mantemos a nosa amizade. El foi monxe benedictino, crego no rural lucense e hoxe é pai dunha nena, María. Traballa no Proxecto Home como terapeuta, é un dos membros máis activos do Movemento Rural Cristián, do colectivo Irimia, redactor nas revistas Irimia, Encrucillada, Grial e autor de numerosos libros. Do seu libro CHORIMAS seleccionei este poema do que subscribo todas as súas palabras.
CONFESIÓN
Eu aposto polo humilde.
Renuncio á fachenda
no vestir, no facer e no dicir.
Renuncio ás palabras solemnes
e a calquera forma de opulencia.
Renuncio a arrimarme aos grandes
e a sentar nas súas mesas baleiras.
Renuncio aos finximentos estériles
e a cubrir os lindeiros da probreza.
Renuncio a un corazón altivo
e a soñar castelos de arrogancia.
Renuncio a xulgar e a condenar
cal se fose amo de certezas.
Eu aposto polo humilde.
Amo as poucas palabras
e cheas e sinceras.
Amo as formas humildes
no ser e no falar as miñas lerias.
Amo as poucas cousas da pobreza,
tan ricas elas, fermosas, duradeiras.
Amo á xente humilde,
grande sempre na súa sinxeleza.
Amo as mans labregas
e as olladas limpas.
Amo os bichiños pequenos,
a auga, a neve, as herbas.
Amo os bicos e a tenrura
e o conforto dunha boa aperta.
Amo a amizade fiel
e o perdón que aleda.
Amo arrepentirme cada día
e buscar a verdade que libera.
Amo a comunidade transparente
e compartir a miña vida enteira.
Amo a loita calada persistente
por un mañá que xa esperta.
Amo a Deus,
porque é humilde creador.
Amo a Xesús
porque é humilde salvador.
Amo ao Espírito,
porque é humilde soñador.
Amo a María,
porque é humilde mai do meu Señor.
Eu aposto polo humilde e o sinxelo,
e por estes versos pequenos
para dicir o que quero.
Na foto aparece Manolo Regal, de pé, á beira de Vázquez Pintor; durante a súa alocución nunhas xornadas que se celebraron no hotel Mogay de Chantada, hai dous anos, dedicadas á figura do escritor Xosé Lois García, chantadino de nacemento coma Regal e ao que me une tamén unha amizade máis recente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario