Mañá empezan as festas de San Roque en Melide, terras veciñas de Agolada, da outra banda do Ulla, xa na provincia de A Coruña. Ocasión que aproveito para lles enviar un saúdo aos amigos melidaos (Mingos, irmáns Parrado, Álvarez, Broz...).
A foto amosa a vila xacobea de Melide coa silueta intacta do Bocelo por horizonte. Está sacada desde a eira do Pazo de Eidián (Agolada), abusando un pouco do teleobxectivo. A foto xa ten tres anos e desde aquela as tarabelas para aproveitar a enerxía eólica mancaron a liña limpa da montaña.
Melide é unha vila próspera, alegre, que contempla o paso dos romeiros e acolle aos emigrantes retornados que encontran aquí o repouso onde fartar a morriña da Terra e o fogar para a xubilación. Posúe un casco histórico meritorio (Convento Vello do Sancti Spiritus, Obra Pía de San Antón, as ruínas do castelo no antigo castro, a fachada románica de San Pedro, o cruceiro máis antigo de Galicia, as casas asoportaladas, as praciñas da feira e un dignísimo Museo da Terra de Melide).
Foi esta terra a primeira comarca que estudaran os compoñentes do Seminario de Estudos Galegos. Froito daquela investigación quedou un marabilloso libro titulado Terra de Melide. Nas proximidades da vila están lugares cheos de historia e encanto: Leboreiro, Furelos, Santa María, San Antolín de Toques, o castro da Graña, Castropedro, etc.
É terra de nomes eufónicos: A Martagona, A Madanela, Furelos, Catasol, Parafita, Golán, Trasmundi... É terra veciña e amiga de Agolada e érguense cada mañá mirándose fite a fite. No Antigo Réxime o Couto de Basadre e Eidián perteceron ao Covento do Sancti Spíritus e a xurisdición de Carmoega á Obra Pía de San Antón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario