17 de agosto de 2007

MUÍÑO DE VENTO DE BOUCELO

Son un pasmón,
peatón con opinión
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Celso Emilio Ferreiro
En moitas ocasións teño dito que de non ser a pé, a segunda mellor maneira de ver o mundo é percorrelo en bicicleta. Por iso nos días de vacacións en Miño (A Coruña) levei a bici para achegarme aos seus recantos con interese. A intención foi esa, logo o certo é que só un día me aventurei por estradas locais e algún tramo das principais. Hai demasiado tráfico e eu non estou afeito. Dese único día son estas imaxes. Co mapa que distribúen na oficina municipal de turismo achegueime a ver o muíño e a igrexa de Bemantes, entre outros lugares.
Sabía da existencia dos muíños de vento na beiramar pero non coñecía ningún tan ben restaurado e en tan boas condicións. O lugar está accesible e ben acondicionado. Conta cunha pequena área recreativa. Foi mágoa non poder velo por dentro, anque no taboleiro aparece moi ben explicado.
Todo pobo que coida do seu patrimonio ten un activo cultural e económico e á parte o orgullo de rescatalo e de testalo ás seguintes xeracións.

2 comentarios:

  1. Unha marabilla que descoñecía.
    Eu sei duns que hai por Catoira pero non creo que estean en millor condición ca estes que mostras.

    ResponderEliminar
  2. ¡grazas polo poema de celso emilio!, xa ía un mundo de tempo que non o lía!!! eu tamén son peatón, aínda que cando non queda máis remedio cóllese o coche ou o que sexa. coa bici hai que ter moito coidado, hoxe aquí nas noticias canarias falaron de que nunha rotonda un rapaz de 16 anos, que ía participar nunhas probas de ciclismo foi atropelado e morreu. as estradas non están adaptadas para todos, só para a velocidade, polo que se ve.
    tamén eu sigo o teu percorrido blogueiro que polo que vexo trae a senda da roda nos camiños.
    por certo, na estrada que vai de baiona á garda paréceme que tamén hai un muíño de vento.

    ResponderEliminar